AICLogo2021Cab

DepCor horiz

logotipo concello de ares

  logoFacebook logoInstagram logoInstagram logoInstagram logoInstagram 
  • Pequenos e maiores daranse cita na Festa da Horta, impulsada pola Agrupación Instrutiva de Caamouco

    AIC FestaHorta22Pequenos e maiores teñen unha cita o domingo 21 de abril na Horta de Quinín. A Agrupación Instrutiva de Caamouco organiza alí a Festa da Horta, un evento educativo e de lecer co que se pretende dar vida á parcela e fomentar a implicación da veciñanza no seu desenvolvemento. A xornada ten un carácter festivo e divulgativo. Todas as actividades son de balde con inscrición previa no 680 16 19 29.

    O programa previsto contempla diversas actividades e xogos para toda a familia, para que os nenos e nenas interactúen coa contorna coa axuda dos seus pais ou nais. 

     A xornada vai arancar ás 11 horas cun obradoiro de 'Hoteis para insectos'. Cada un dos nenos e nenas que participen poderán construír o seu propio aloxamento para bechos, tomando conciencia da súa importancia no medio natural. A segunda proposta son os 'Restaurantes para paxaros', onde a rapazada poderá construír e decorar comedeiros para aves elaborados con materieis reutilizados. Cada neno ou nena poderá levar para a súa casa as súas creacións ao remate da xornada.

    Logo dos obradoiros toda a rapazada en grupo participará na xincana 'O tesouro de Quinín', con diferentes probas en equipo para atopar a pista final que nos levará a descubrir o tesouro da nosa horta. 'Os apeiros teñen a resposta', 'A mesa das follas' ou 'Amodo cos amorodos' son algúns dos desafíos que terán que ir superando ata lograr o reto. A Festa rematará cuns petiscos para todas as persoas que asistan e xogo libre para toda a rapazada. 

  • A Tenencia Teatro estrea 'Unha rosa é unha rosa', a súa quinta obra

    AIC Tenencia Teatro rosa é rosaDobre cita co teatro esta fin de semana na Agrupación Instrutiva de Caamouco. Este sábado, A Tenencia Teatro, grupo da entidade que dirixe Eugenia Sanmartín, estrea a súa quinta obra:  'Unha rosa é unha rosa (unha comedia de medo)'. Trátase da adaptación do texto de Suso de Toro, unha traxicomedia onde se mestura o humor coa intriga, ofrecendo ao público unha áceda reflexión sobre a sociedade contemporánea.

    A estrea de 'Unha rosa é unha rosa (unha comedia de medo)' terá lugar este sábado ás 19:00 horas, logo de intensos meses de traballo por parte do grupo, composto nestes momentos por dez actores e actrices.

    Que din as rumorosas
    O domingo, tamén ás 19:00 horas, será a quenda de Maquinarias Teatro. O grupo fará un pase especial da obra 'Quen din as rumorosas'. Trátase dun ensaio xeral aberto ao público dunha comedia que convida á reflexión sobre como ser artista e muller.

    Este pase especial en Caamouco parte grazas da colaboración entre o grupo teatral e a Agrupación Instrutiva que, durante as últimas semanas, cedeu o seu escanario á compañía para os seus ensaios.

    Tanto o sábado como o domingo, as representacións son de balde e de acceso libre.

     

     

     

     

     

     

     

     

     

     

     

  • Gastronomía, música e festa infantil no Entroido 2024 da Agrupación Instrutiva de Caamouco

    AIC Entroido 2024A Agrupación Instrutiva de Caamouco vivirá por todo o alto o Entroido 2024. A Sociedade deseñou unha completa programación, na que a gastronomía e a troula para todas as idades son as protagonistas. 

    A primeira das xornadas terá lugar o venres 23 de febreiro. Á noite, a partir das 21:00 horas, a Agrupación ofrecerá unha cea de Entroido, cun completo menú típico destas datas, composto por sopa, cocido completo con grelos, pan, viño de Barrantes, torrijas, café e chupito. O número máximo de comensais é de 60, por orde de inscrición a través do teléfono 616 74 02 05. Os socios e socias terán preferencia á hora de anotarse. O prazo para socios abrirá o 24 de xaneiro, mentres que para o público xeral será a partir do 5 de febreio. O prezo para socios é de 27 euros e para non socios de 30 euros. Para a rapazada (ata 12 anos) o menú infantil terá un prezo de 12 euros. Unha vez realizada a reserva pódese anular ata 72 horas antes da cea. Se non se anulou nese prazo e non se asiste, deberase abonar o importe. Ademais, tanto antes como durante a comida, estará dispoñible un servizo de barra con outro tipo de bebidas, non incluídas no menú.

    A partir das 23:00 horas arrancará o baile de entroido amenizado por Vanesa Ramil. Trátase dunha proposta aberta a todo o mundo. Durante a actuación estará dispoñible tamén o servizo de cafetería. 

    Ao día seguinte, o sábado 24, a festa continúa co baile de disfraces infantil. Será a partir das 17:00 horas, cunha proposta que mestura música e diversos xogos da man dos monitores de Fiestoke. 

    Ademais, a Agrupación sorteará unha cesta con produtos típicos de Nadal. O sorteo, de carácter non presencial, terá lugar ao remate do baile infantil, dando a coñecer a papeleta gañadora a través das redes sociais da Agrupación, dispoñendo dun prazo de 15 días para recoller o premio. 

     
  • A Agrupación Instrutiva pon en marcha novas melloras na Horta de Quinín e no salón de actos do seu centro social

    AIC Obras23⚠️ Comezamos con novas actuacións de mellora na Horta de Quinín e no centro social da Agrupación!


    ✅ Remate da rehabilitación dos muros de pedra da Horta
    ✅ Revestimento de madeira no teito da casoupa e chan, varanda e escaleiras de madeira no entresollado
    ✅ Chan planta baixa da casoupa
    ✅ Instalación ventá e remate porta
    ✅ Instalación de caixa negra, telóns e reforzo da iluminación no salón de actos da Agrupación
    ✅ Instalación de mobiliario exterior na Horta de Quinín

    🔶 Actuación cofinanciada pola Deputación da Coruña 

     

     

  • A Agrupación Instrutiva de Caamouco reforza de novo o seu programa de cursos, roldando xa as 50 horas semanais de obradoiros

    AIC CURSOS 2023A Agrupación Instrutiva de Caamouco segue reforzando a súa programación de obradoiros anuais. Nesta ocasión, a oferta acada os 17 cursos, coa incorporación este ano dos obradoiros de reciclaxe téxtil, artesanía en coiro e xoiería tecida. Este último retómase logo de quedar cancelado na pandemia.  Deste xeito, a Sociedade ofrece máis de 48 horas semanais de actividades, catro máis que o ano anterior, afianzando o seu compromiso de encher de vida, cultura e lecer o centro social da Tenencia de luns a sábado.

    Neste curso 2023-2024 continúan na grella da Agrupación Pilates, Ioga, Cestería, Pandeireta e Canto, Teatro, Restauración, Encaixe, Bailes Latinos, Costura, Pintura, Froiticultura, Educación Canina, GaitaXimnasia de mantemento (actividade ofrecida na Agrupación polo Concello de Ares). 

    Prazo de inscrición estará aberto do 15 ao 30 de setembro, chamando ao 616 74 02 05 ou no correo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..

    Consulta aquí os horarios:

  • A Agrupación Instrutiva de Caamouco convida ao Concello de Ares a coñecer os avances na Horta de Quinín

    AIC VisitaConcelloQuininA Agrupación Instrutiva de Caamouco convidou ao Concello de Ares a coñecer os avances no proxecto da Horta de Quinín. O presidente da entidade, Dani García, o presidente de honra, Ernesto López Naveiras, e a directiva coordinadora da Horta de Quinín, Emilia Pardo, visitaron o espazo xunto coa Concelleira de Urbanismo, Olimpia Marcos. 

    O encontro prodúcese logo das obras que supuxeron a consolidación e recuperación da casoupa, unha construción que se atopaba en estado ruinoso e que foi rehabilitada pola Agrupación Instrutiva de Caamouco, con fondos propios e unha achega da Deputación da Coruña. Os membros da Xunta Directiva aproveitaron a ocasión para agradecerlle ao Concello a súa implicación no proxecto da Horta de Quinín, no que veñen colaborando dende que comezou a posta en uso da parcela no ano 2016.

    Ao mesmo tempo, dende a Agrupación avanzaron cales serán os seguintes pasos que se pretenden dar na recuperación da casoupa. O obxectivo é executar as partes pendentes da obra ao longo deste 2023. Entre elas, a instalación de porta e ventá, o remate da recuperación do muro perimetral, a instalación de teito e solos, etc. Para ese fin, a Sociedade vén de presentar unha nova solicitude á Deputación coa intención de conseguir unha nova liña de financiamento para a casoupa.

    Nesa mesma subvención, a Agrupación solicita tamén fondos para a cuarta fase do proxecto de mellora do Salón de Actos do centro social da Tenencia, para o que resta a instalación de telóns e caixa negra así como o conxunto de focos para actuacións musicais e representacións teatrais. 

  • A Agrupación Instrutiva de Caamouco dignifica o legado de Quinín coa restauración dos seus cadros

    AIC Cadro Quinin

    A Agrupación Instrutiva de Caamouco está a traballar na restauración da obra pictórica de Joaquín Rojo Seijas 'Quinín'. Os cadros forman parte do legado que o pintor deixou á sociedade á súa morte, xunto coa súa biblioteca e o terreo hoxe coñecido como Horta de Quinín. 

    A actual colección de obras de Quinín da Agrupación Instrutiva inclúe unha escolma de medio cento de lenzos, así como milleiros de láminas sobre papel. Nesta primeira fase de restauración púxose o foco nos óleos. Actuouse sobre unha ducia de traballos, entre os que se atopan os que presentaban un peor estado de conservación. 

    O proceso de restauración escollido foi o menos incisivo sobre a propia obra de Quinín. Apostouse por unha intervención mínima sobre a pintura, con limpeza e aplicación de verniz protector, pero sen retocar as partes de cor estragadas. Tamén se mantiveron boa parte dos marcos orixinais e se adaptou algún reutilizado. Pola contra, e ante o avanzado estado de deterioro, optouse pola substitución de varios dos bastidores, danados pola couza e a humidade. 

  • A Agrupación Instrutiva de Caamouco inaugura 'O Xardín das mestras' en homenaxe á muller no ensino rural galego

    AIC Xardin MestrasEsta pasada fin de semana inaugurouse na Agrupación Instrutiva de Caamouco O xardín das mestras, co obxectivo de visibilizar e recoñecer o papel da muller no ensino rural galego ao longo da historia. O acto, que se pode ver íntegro nas redes sociais da Agrupación, forma parte do programa do 8M. A designación deste espazo serve tamén render homenaxe ás distintas mestras que durante décadas ensinaron aos nenos e nenas de Caamouco na Agrupación Instrutiva. Na última etapa como centro educativo, ademais, de xeito único. O xardín é o último espazo da Agrupación Instrutiva que quedaba sen bautizar, xa que o resto de salas do centro social si foron adoptando denominacións ao longo da historia.

    No acto desta mañá participou a derradeira mestra da Agrupación, Maica Canedo Aldao, que deu clase en Caamouco ata o peche da unitaria no ano 2008. Na súa intervención, aproveitou para reivindicar un ensino no que se fomente a igualdade real entre nenos e nenas, que sirva para rachar os teitos de cristal e previr a violencia machista.

  • Unha ventá 'símbolo de apertura', elemento protagonista da nova imaxe corporativa da Agrupación Instrutiva

    AIC novologoA Agrupación Instrutiva de Caamouco estrea imaxe. Co arranque do novo curso, a Sociedade presenta a súa nova identidade, que busca transmitir unha maior proximidade e modernidade. Nace co obxectivo tamén de evidenciar a constante renovación e transformación da entidade.

    O protagonista desta transformación é o novo logotipo. É o resultado dun proceso de simplificación con respecto á anterior imaxe corporativa. Do conxunto do icónico edificio da Agrupación, a protagonista pasa a ser unha das súas fiestras. No proceso de deseño, considerouse que este é un dos elementos máis representativos do inmoble: conta con 24 ventás idénticas, de grandes dimensións e todas elas vestidas coas características ornamentacións do estilo indiano. A ventá, ademais, é un símbolo de apertura, que deixa entrar aire novo e luz. É o lugar dende onde todo o mundo pode observar o interior dunha Sociedade hospitalaria que non se pecha para ninguén.

  • DOCUMENTAL 'CABRIA' - Edición especial da Festa da Cabria 2020

    Documental centrado nas tradicións mariñeiras do Porto de Redes e na orixe da Festa da Cabria, organizada pola Agrupación Instrutiva de Caamouco.

Feed not found